miércoles, 18 de junio de 2008

A CULTURA MARÍTIMA GALAICA INVITADA DE HONRA NA BRETAÑA

Galiza é este 2008 convidada de honra no principal evento internacional da cultura marítima, que ten lugar entre o 11 e o 17 de xullo na Bretaña francesa: a Festa Marítima Internacional de Brest.

A nosa terra goza, como convidada, da compaña doutros países de forte tradición marítima: Croacia, Noruega, Madagascar e Vietnam. Un merecido recoñecemento para o noso país - primeira nación que non é estado que acode á Festa - , lugar de referencia dentro da Península Ibérica na organización de encontros de embarcacións tradicionais desde 1993 e posuidor dun inmenso patrimonio vinculado ao mar e aos ríos.

Arredor dun millón de visitantes poderán coñecer as nosas tradicións mariñeiras e embarcacións senlleiras, a nosa música e a nosa gastronomía.

Pero Brest é tamén un excelente lugar para dar a coñecer internacionalmente o conxunto da identidade e da cultura de Galiza como país.

A programación diaria que terá lugar no Village Galice, cobrará especial importancia o 16 de xullo, o Día de Galicia dentro da Festa.A participación de Galiza como país convidado de honra na Festa Marítima Internacional de Brest 2008 é un proxecto da Consellaría de Cultura e Deporte e da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

PARA MÁIS INFORMACIÓN IDE A

http://www.galiciaenbrest.org

No hay comentarios: