Coa participación do noso país na Semana Europea das Rexións e das Cidades Open Days búscase "impulsar o peso das rexións a nivel europeo", así como "o intercambio de boas prácticas e experiencias en eidos como o cambio climático, o desenvolvemento tecnolóxico ou a cooperación territorial", sinalou esta semana o secretario xeral de Relacións Exteriores, Xulio Fernández Mato.
É neste camiño que a Xunta xestionou a participación de Galiza na promoción e organización de diversos actos de tipo cultural de aquí a 2009 -"aínda por decidir", apuntan dende a secretaría xeral-, ao abeiro do consorcio Celtic Connections.
O grupo, composto por diversas rexións e nacións europeas, ten un carácter informal -é dicir, carece de consideración xurídica. Formouse de xeito puntual para as xornadas Open Days, que organizan cada ano en Bruxelas o Comité das Rexións da UE, a Comisión Europea e grupos determinados de rexións. A iniciativa xurdiu de Gales, un dos países máis entusiastas con esta colaboración intercéltica, segundo confesan dende a Fundación Galicia Europa, que este ano estivo por vez primeira nas xuntanzas de Celtic Connections.
Dende 2007, ademais de Gales, participan tamén Irlanda (coas denominación de Rexións de Irlanda e Irlanda do Norte), Escocia, Norte de Portugal (Norte), Asturias, Gales, Bretaña e Cornwall (Sudoeste do Reino Unido).
Daquelas, Galiza non formara parte por unha "decisión política" do anterior secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, que dimitiu pouco antes do comezo dos Open Days dese ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario