sábado, 10 de enero de 2009

ANTONIO LOURENCO


António Lourenço Fontes leva exercendo de crego corenta e sete anos na raia seca, entre as terras do Barroso portugués e A Limia.
Rompeu, dende un principio, co estereotipo de crego, aínda que o levase a vivir coa ameaza constante de ser afastado das súas funcións pola xerarquía eclesiástica.
Celebra unha vez ao ano unha misa con cantares ao desafío, polo que foi apercibido polo bispo de Vila Real, o mesmo que ameazou con expulsalo da Igrexa se seguía ao mando da organización do encontro de menciña popular e bruxos en Vilar de Perdices.
Tamén foi perseguido polos estamentos políticos durante a ditadura salazarista, cando agachaba os mozos que escapaban da guerra colonial e pretendían emigrar a pesar da prohibición.
António Fontes, como amante da Raia, considera que esta morreu dende que desapareceu o contrabando.
Agora, coma responsábel dunha albergaría rural trata de atraer visitantes e dinamizar unha terra cada vez máis baleira. O parkinson atou un tanto o espírito e ímpeto deste crego singular. En febreiro celebrará, o venres trece coma de cotío, o día dos seres do máis alá.

Innovou a misa con cantares de desafío?

Levo máis de vinte anos facéndoo. Este ano participaron vinte e dous cantores. Agora xa o entenden pero, hai anos, ao bispo de Vila Real non lle gustou vela na televisión, xa que entendia que estaba fóra de contexto e era provocadora. Prohibiuna, por iso a tivemos que mudar un pouco.

Parecidos problemas tivo polo congreso de bruxas?

Moito pior, ao bispo presionárono para que me mandase calar. A presión viña de persoas que tiñan negocios de parapsicoloxía e medicina científica e mesmo curas que non querían que eu saise nos medios de comunicación con ese rótulo de padre que promove as bruxas. O primeiro congreso foi no ano 1983. A intención era dar a coñecer a medicina popular, os videntes, os curandeiros, os capadores, os bruxos das aldeas. Tratei de facer unha alerta galego portuguesa para que non se perdese esa tradición.

A carón do congreso naceu o licor “levanta o pau”?

É parecido ao licor café galego, pero quixemos darlle un nome máis atrainte, máis brincadeiro e amáis introducímoslle herbas afrodisíacas coma a bretónica, o foxo ou a ortiga. É un licor que levanta o ánimo.

No hay comentarios: