miércoles, 19 de agosto de 2009

Descuberto un castro moi especial en Soesto (Laxe)


Está pendente de verificación até que punto as obras da estrada poden afectarlle a estes restos, malia asegurar a Consellaría de Cultura que o depósito está a salvo. Foi na prospección valorativa realizada polo persoal arqueólogo no trazado da ampliación da estrada AC-433 cando se atopou, na altura do lugar de Castrelo, na parroquia de Soesto (Laxe), unha porta monumental de entrada a un xacemento castrexo da segunda Idade do Ferro.
A escavación, entre varias casas da aldea, amosa un gran muro, dun ancho superior a tres metros, e unha grande entrada de carácter monumental, similares á do próximo Castro de Borneiro ou ao de Elviña, con grandes laxes que cubren o seu chan. Na zona interior poden verse os inicios dun corpo de garda.
Trátase dun achado moi pouco habitual nas escavacións do mundo castrexo en Galiza: a muralla ten un escalonado característico, e o máis curioso é que ao carón da entrada monumental, á súa esquerda, advírtese unha segunda porta, mais tapiada. Pódese atopar máis información e a localización concreta no blog de Manolo Gago.
INFORMACIÓN RECOLLIDA DE "A NOSA TERRA"

No hay comentarios: