Aqueles que renegan das multinacionais ao tempo que se refrescan cunha Coca-Cola xa poden poñer remedio aos seus problemas de conciencia.
A Asociación Cultural Fontaira vén de lanzar a alternativa galega ao refresco global: a Galicola. Desde este mes empezan a distribuíla por bares, centros sociais e tendas de alimentación de toda Galiza, nunha iniciativa que propón “unha oposición consciente á globalización e o capitalismo” e ten como fin último xuntar recursos para asociacións que traballen na defensa e normalización da lingua galega.
A Galicola estase comezando a distribuír en botellas de plástico de 33 centilitros. Embotellada nunha fábrica de bebidas galega, a cola do país non ten cafeína.
Por agora producíronse 5 mil unidades, que servirán para calibrar a demanda e “marcar próximas tiradas”, explica Paulo Tobío, un dos promotores da iniciativa. Estima que a final deste mes terán unha relación dos puntos de venda nos que se pode atopar, que publicarán na web do proxecto: galicola.org.
Apoio á lingua O lema da Galicola é “Sabor para a túa lingua”. A iniciativa non ten carácter lucrativo, polo que todos os beneficios que se xeren, descontados os gastos de produción e distribución, irán para a asociacións que traballen a prol da normalización do galego. Ademais, o 5% dos ingresos brutos destinaranse a este fin a través dun “fondo polo galego”.
Para determinar o destino dese fondo, a Asociación Cultural Fontaira convocou o concurso Ángelo Casal. Animan a entidades sen ánimo de lucro a que antes de final de ano envíen os seus proxectos para promover a lingua. A partir do 1 de xaneiro exporanse na web, os mellores serán escollidos por votación popular e o 17 de maio baleirarase o fondo para entregarlle os cartos ao mellor proxecto
No hay comentarios:
Publicar un comentario