Recollido de A NOSA TERRA-VIRTUAL:
Ó parecer é un punto autorizado por Fomento.
Denuncian o perigo dos verquidos na ría de Arousa
As plataformas en defensa das rías de Arousa e Vigo, a asociación pola defensa da ría de Pontevedra e sectores produtivos representados por diversas confrarías de pescadores e asociacións de mariscadores denunciaron a deterioración que sobre o ecosistema das rías está causando as verteduras que desde 1998 veñen realizado nun punto que se sitúa na boca da Ría de Arousa.
A zona na que diversos portos da ría arousá realizan estas verteduras foi autorizada para tal fin en 1998 polo Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), organismo dependente do Ministerio de Fomento.
Os ecoloxistas calculan que neste tempo arroxáronse ao mar neste punto, situado a dúas millas da illa de Sálvora e a 3,5 millas da illa de Ons, unhas seis millóns de toneladas de verteduras de todo tipo, na súa maior parte procedente de dragados.
Estas verteduras poderían estar xerando, segundo os denunciantes, unha importante alteración no ecosistema das rías, xa que parte das sustancias verquidas ao mar son transportadas polas correntes a zonas do interior das rías e a outros puntos do litoral galego.
Os colectivos en defensa das rías presentaron hoxe unhas imaxes tomadas polo sónar dun pesqueiro nas que se aprecia que unha alteración importante do fondo mariño no punto onde existen as verteduras, no que existe unha profundidade de 95 metros. En concreto, apréciase a existencia unha "montaña" duns vinte metros de altura xerada pola acumulación de residuos.
Segundo as estimacións dos ecoloxistas esta montaña de verteduras pode conter ao redor de dous millóns de metros cúbicos de residuos. "Onde están os catro millóns de metros cúbicos restantes?" pregúntase o portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido.Rubido instou as administracións a que analicen a composición destas verteduras e cales poden ser as consecuencias que carrexen ao ecosistemas das zonas produtivas das rías galegas.
Os ecoloxistas e os sectores produtivos recoñeceron que as verteduras están autorizadas e son legais pero cualificaron de "disparate" que nas rías galegas se aplique unha normativa de carácter xeral para todo o litoral español. Na súa opinión, tanto polas súas características, como pola súa produtividade, as rías galegas deberían ter unha consideración propia que evitase este tipo de situacións.
Neste sentido anunciaron que lles proporán ás Administracións a creación dunha mesa de diálogo, "da que non se exclúa a ninguén", para propiciar a creación dunha normativa "que teña en conta a realidade das rías".Como primeira medida as asociacións proteccionistas e os sectores produtivos do mar solicitan unha moratoria que suspenda o máis axiña posíbel estas verteduras. Se non leva a cabo, os ecoloxistas anunciaron que estudarán a posibilidade de realizar unha denuncia desta práctica en Bruxelas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario