martes, 16 de diciembre de 2008

A XUNTA APROBA DECLARACIÓN DE PAISAXE PROTEXIDA OS PENEDOS DE PASARELA E TRABA

A declaración implica a posta en marcha de accións encamiñadas a rexenerar o espazo, reforestar con especies autóctonas e propiciar iniciativas de posta en valor da zona desde o punto de vista da sustentabilidade. A Xunta opta pola figura menos ríxida para súa conservación.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración como paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, co fin de dotar dunha figura de protección a singularidade natural, estética e o valor científico deste espazo. Esta declaración implica a realización de accións encamiñadas a rexenerar espazos naturais, reforestar certas áreas con especies autóctonas e propiciar iniciativas de posta en valor da zona desde o punto de vista da sustentabilidade.O macizo de Pasarela e Traba está constituído por un conxunto de elevacións graníticas, nunha superficie de 212 hectáreas, entre os concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe. A combinación e encadeamento de formas graníticas xeran un espazo singular, sendo esta característica a que leva a pór en marcha unha política de protección integral dos penedos. Esta paisaxe, ten ademais un enorme valor científico xa que permiten coñecer cal foi a evolución da zona e, consecuentemente, como se pode someter aos instrumentos de planificación ou plans de conservación.Esta é a segunda aprobación como paisaxe protexida trala declaración o pasado 13 de novembro no Consello da Xunta do Val do río Navea, comprendido entre os municipios de San Xoán de Río e A Pobra de Trives, en Ourense.Estas declaracións, previstas na Lei 9/2001 de conservación da natureza, avanzan na aplicación da Lei de protección da paisaxe, aprobada este ano pola Xunta, que ten como obxectivo recoñecer xuridicamente a paisaxe e promover políticas para a súa conservación, protección, xestión e ordenación, servindo como marco de referencia para todas as lexislacións, plans e programas que poden influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes, e, en especial, cando afecten espazos de alto valor natural e cultural.Esta norma, que ten os seus principios inspiradores no Convenio Europeo da Paisaxe, aprobado en Florencia no ano 2000 por proposta do Consello de Europa; incide na necesidade dun réxime de protección dirixido expresamente á conservación das paisaxes, como espazos que polo seus valores singulares merecen unha preservación especial.A protección dos Penedos de Pasarela e Traba suporá a busca do mantemento dunhas prácticas de carácter tradicional que contribúan á conservación e preservación dos valores e recursos naturais da zona. A súa xestión, a cargo da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, terá como obxectivos a conservación e protección da paisaxe, en especial dos penedos, fomentar o coñecemento e o respecto da zona, promover a realización de programas de investigación e de educación ambiental, así como un desenvolvemento económico e turístico da zona que sexa respectuoso co ambiente.Por isto, calquera entidade que promova un proxecto de obras ou infraestruturas na zona deberán presentar na avaliación de impacto ambiental, un estudo de impacto e integración paisaxística.A Consellería de Medio Ambiente elaborará, ademais, un plan de acción específico para os Penedos de Pasarela e Traba, encamiñado á protección do contorno paisaxístico e a aplicación das medidas necesarias para a posta en valor e rexeneración da zona, así como o seu desenvolvemento sostible.A Consellería do sr. Vázquez, escolle a figura de Paisaxe Protexida por seres a figura menos restrictiva. esta é unha das opcións ao entender que a Figura "Monumento Natural" é moi ríxida e así dar unha aparente política de protección, pro sen atarse as mans frente aos concellos e veciños reacciós a pertencer a un espazo natural protexido, evitando así o rexeite social

No hay comentarios: